Un enxeñeiro de camiños identificará os recheos ilegais no porto de Marín
Por Redacción
A sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou designar un enxeñeiro de camiños, canles e portos para que emita un informe gráfico e planimétrico completo sobre o porto de Marín.
Esta medida, contra a que se pode presentar un recurso de reposición, adóptase para que este perito determine que recheos portuarios realizáronse amparados no plan especial do porto marinense, anulado polo Tribunal Supremo.
O TSXG require que o experto, que será o que por quenda corresponda, sinale as obras de recheo que teñan o seu exclusivo amparo no plan, aprobado pola Consellería de Política Territorial en outubro de 2000.
Ademais, deberá identificar as obras que puidesen ter amparo no estudo de impacto ambiental de 1994, sinalar as obras do porto que poden ter cobertura noutros instrumentos diferentes ao anulado e informar se o plan especial de 2013 puidese dar cobertura ás obras de recheo amparadas no plan de 2000 anulado.
O perito tamén deberá sinalar nos planos que elabore os terreos ocupados polas concesionarias e especificar o importe das obras de demolición que, no seu caso, haberían de levarse a cabo, o tempo da súa execución e a afectación que podería supoñer para o medio mariño e a actividade portuaria.
Relacionadas:
-
O Supremo inadmite o recurso da Plataforma de Praceres contra a sentenza dos recheos do Porto de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
O TSXG avala a legalidade dos recheos do porto de Marín
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Instan ás administracións a cumprir as sentenzas do tren e dos recheos do porto
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Plataforma dos Praceres esixe que se execute a sentenza dos recheos do porto
Por Oskar Viéitez |