Moraña impulsa un 'libro violeta' para fomentar a educación en igualdade entre a poboación escolar
Por Redacción
O Concello de Moraña e o CPI Santa Lucía botaron a andar este venres un proxecto para introducir á poboación infantil na educación e os principios da igualdade. Consiste en impulsar a elaboración de 'O libro violeta das nenas e nenos de Moraña'.
A iniciativa do departamento de Servizos Sociais de Moraña vaise desenvolver ao longo do mes de novembro co obxectivo de darlle protagonismo en torno á xornada reivindicativa do 25, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
O libro está coordinado pola orientadora escolar do colexio e pola psicóloga municipal e conta cun importante respaldo da alcaldesa, Luisa Piñeiro, que este venres mantivo unha xuntanza coas traballadoras do departamento de Servizos Sociais para avaliar os obxectivos e o cronograma de actuación.
A publicación xa está deseñada en torno á natureza e os traballos distribuiranse en catro grupos segundo a idade escolar. Así, os rapaces dos dous primeiros cursos de Primaria elaborarán o bloque 'As follas da árbore da igualdade', os de terceiro e cuarto encargaranse de 'As flores', os de quinto e sexto realizarán o de 'Os froitos' e os de Secundaria crearán a sección 'O bosque'.
Esta publicación busca fomentar a educación en igualdade e tamén fortalecer a participación infantil activa cun proxecto comunitario e trasladar á sociedade de Moraña a reflexión da poboación escolar sobre esta cuestión.
Luisa Piñeiro manifestou a súa satisfacción porque este proxecto creativo de concienciación se consolide cunha segunda edición -a primeira enfocouse ás persoas maiores- e ademais sexa protagonizado polos nenos de Moraña, que "son os donos do futuro e os que nos dan cada día as mellores leccións sobre respecto e comportamento en igualdade".