Completan unha nova rede de pluviais na estrada entre Vilarchán con Contixe
Por Redacción
Camiñar polo comezo da estrada municipal que comunica Vilarchán con Contixe, no tramo que vai ao campo dos Remedios, é agora moito máis doado. O Concello vén de rematar unhas obras de mellora da rede de recollida de augas pluviais que, ademais de ensanchar o firme, poñen fin ao problema das salpicaduras aos peóns.
A obra viña sendo demandada pola veciñanza dende hai tempo, pois este tramo, cunha lonxitude superior aos 200 metros, é moi utilizado para camiñar cara á carballeira na que se realizan boa parte das actividades comunitarias de Vilarchán, dado que alí se sitúan tanto a Casa do Pobo como un parque infantil.
O goberno local asumiu esta petición e, despois de comprobar as deficiencias da rede existente, optou por un arranxo integral para evitar que o tramo máis baixo da pista continuase asolagándose os días de choiva.
A escasa anchura da pista, a xusta para cruzar dous coches, provocaba problemas para os peóns, que quedaban obrigados a camiñar polos charcos. Ou, peor aínda, completamente mollados polas salpicaduras. Moitos veciños de Vilarchán optaban mesmo por dar un rodeo utilizando os camiños interiores entre as leiras.
As obras ampliaron a sección nalgunhas zonas ata preto dos 50 centímetros. Esta circunstancia permite non só mellorar a circulación rodada, senón tamén o espazo dispoñible para o tránsito peonil.
A mellora consistiu nunha limpeza e consolidación da canle aberta no tramo máis próximo ao campo, dotándoo de novos sumidoiros e encintando xuntas e conexións. Na parte baixa, que estaba completamente atoada de terra, optouse por colocar un novo tubo soterrado de 315 milímetros de diámetro para garantir a correcta evacuación. Deste xeito gañouse tamén o ancho necesario para mellorar a seguridade.
Relacionadas:
-
Avecil agarda polo asfaltado integral da pista principal
Por Redacción |
-
Completadas as obras de acceso a media ducia de vivendas na Insua
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas mellora os accesos na Reigosa
Por Redacción |
-
A Xunta avanzará na licitación da reforma da PO-234 antes de que remate o ano
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Comezan as obras de reparación do camiño de acceso a un grupo de vivendas na Insua
Por Redacción |