Entra en Comisaría por unha liorta familiar e acaba detido por roubo
Por Redacción
A Policía Nacional de Pontevedra logrou esclarecer un intento de roubo con intimidación rexistrado o pasado 13 de outubro na cidade por mor da participación do presunto ladrón nunha liorta familiar e da petición do home de que lle devolvesen unha mochila da súa propiedade que estaba na Comisaría como proba daquel asalto.
Así, foi o propio presunto ladrón o que acabou desencadeando que a Policía Nacional pescudase que dous días perpetrara o asalto. Naquela ocasión, as vítimas foron dúas mulleres de avanzada idade que estaban a retirar 600 euros dun caixeiro. O agora detido asaltounas e forcexearon con el ata que foron asistidas por un viandante.
Cando o viandante asistiu ás dúas vítimas, o asaltante saíu fuxindo e arroxou a mochila ao chan. Unha das mulleres resultou con feridas nun pé das que foi asistida nun centro médico e a mochila foi trasladada á Comisaría.
Eses feitos ocorreron o 13 de outubro e o presunto autor foi detido dous días despois, o 15 de outubro. Acabou na Comisaría por mor de que un viandante deu aviso á Policía Nacional porque sobre 8.15 horas viu a un individuo violento cun coitelo que presuntamente estaba ameazado a un familiar tras unha discusión.
Ao lugar dirixiuse inmediatamente unha patrulla que, á súa chegada, observou a un home cunha ferida nun dedo sangrando que lle produciu este individuo tras un forcexeo. Os axentes comisionaron a unha ambulancia, que asistiu á vítima das feridas e tratou de identificar o causante das mesmas, pero carecía de ningún tipo de documentación que acreditase a súa identidade, polo que o trasladaron á Comisaría.
Unha vez en dependencias policiais, o home solicitou que lle fose devolta unha mochila da súa propiedade que sabía que estaba depositada na Comisaría. Era a mochila daquel roubo, de modo que foi detido xa nese momento. O presunto ladrón resultou ser un veciño de Pontevedra de 33 anos con múltiples antecedentes.