Localizan dous lanza bengalas cargados nunha casa en obras en Combarro
Por Redacción
As obras de rehabilitación dunha casa de Combarro, en Poio, permitiron o achado de dous lanza bengalas que, dado o seu perigo, xa foron entregados á Unidade de Intervención de Armas e Explosivos da Garda Civil.
O achado realizouse este mesmo xoves e, unha vez localizados, os responsables da obra entregaron as pezas á Policía Local de Poio, que á súa vez decidiron derivalas á Garda Civil, pois son conscientes de que calquera manipulación das mesmas pode resultar lesiva ou mesmo mortal.
Desde a Policía Local de Poio destacan que este tipo de explosivo é moi perigoso e indican que os lanza bengalas en cuestión estaban cargados de explosivo e podían detonar en calquera momento.
Os lanza bengalas localizados utilizábanse antigamente nos barcos como sistema de aviso, segundo explicou a Policía Local.