O goberno provincial aspira a captar fondos europeos para 15 proxectos por 22,1 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra ten en marcha 15 novas candidaturas para captar fondos europeos que impulsen actuacións na provincia, por valor de máis de 22,1 millóns de euros.
O deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font, compareceu este xoves en rolda de prensa para facer balance dos proxectos que a Deputación de Pontevedra xa ten en marcha na actualidade con financiamento europeo por valor de máis de 18 millóns de euros.
López Font salientou que a chegada no novo Goberno á Deputación supuxo un "cambio radical" na xestión dos proxectos europeos, xa que o anterior equipo presidido por Rafael Louzán "hizo una gestión enfasta" con proxectos "sólo para captar fondos, sin planificación, sin hacer partícipes a los concellos ni a la sociedad".
O deputado responsable da área económica no goberno provincial explicou que a Deputación está traballando de cara ao futuro en novas iniciativas centradas en seis eixos de actuación: igualdade, eficiencia enerxética, innovación, cultura e turismo, montes e cooperación transfronteiriza.
No eido da igualdade a Deputación presenta o proxecto "Gegame", cun orzamento de 300.000 euros, para impulsar unha ferramenta educativa en formato videoxogo para promover a igualdade de xénero.
En canto á eficiencia enerxética, a institución provincial impulsa seis proxectos para darlle pulo á iluminación exterior sustentable nos concellos da provincia, por un valor de 3,5 millóns de euros, e outra iniciativa para substituír caldeiras de gasóleo por caldeiras de biomasa tamén nos municipios, por un valor de medio millón de euros.
Outra das apostas da Deputación, tal e como expuxo Font, é a innovación co obxectivo posto no proxecto "Sudconnectier", estratexia para a mellora e optimización de procesos na cadea de subministros da industria aeronáutica e espacial, cun investimento de 1,3 millóns de euros.
No eido de cultura e turismo, o goberno provincial traballa, da man tamén con Portugal, no proxecto "Literatur", con 1,3 millóns de euros, para a valorización turística do patrimonio literario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; e na iniciativa "Caminos", que ten por obxectivo promover os camiños xacobeos do oeste peninsular, cun orzamento de máis de 4 millóns de euros.
O proxecto "GNP Resilente", con 1,1 millóns de euros, analizará a resilencia forestal, a capacidade dos montes para retornar a condicións previas a situacións coma os incendios.
A última liña de traballo en marcha para captar novos fondos europeos é a cooperación transfronteiriza entre a provincia de Pontevedra e o norte de Portugal.
Para iso están en marcha tres proxectos: "Seniors Friendly" e "Visit Minho Plus" para crear unha rede de cidades e municipios transfronteirizos amigos das persoas maiores, ambos cun orzamento de 5,5 millóns de euros e "Red Lab Minho", para promover unha rede de apoio ás dinámicas locais de cooperación do río Miño, cun investimento de máis de 400.000 euros.