"Para loitar contra o narcotráfico necesitamos impulso político e recoñecemento social"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O soto da Casa da Luz de Pontevedra converteuse este mércores nun foro de debate sobre a situación actual do narcotráfico en Galicia e o resto do mundo e sobre o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade para facerlle fronte. A ocasión xerouna a presentación do libro Narcogallegos. Tras los pasos de Sito Miñanco. El libro blanco del narcotráfico (Editorial Catarata), do xornalista de Diario de Pontevedra Víctor Mendez.
O libro xa se presentou previamente en Vigo e Santiago, pero en Pontevedra Víctor Méndez xogaba en casa e iso deixouse notar enchendo todas as cadeiras dispoñibles no soto da Casa da Luz e deixando a boa parte do público de pé para escoitar ao autor e aos seus dous 'padriños' na presentación, o actual fiscal Antidroga de Pontevedra, Pablo Varela, e o ex responsable da Udyco da Policía Nacional en Galicia, Enrique León, agora xubilado.
Narcogallegos. Tras los pasos de Sito Miñanco. El libro blanco del narcotráfico é unha radiografía da evolución do narcotráfico a nivel internacional desde o ano 2001 ata a actualidade e a súa situación actual poñendo o foco fundamentalmente nas Rías Baixas e na actividade dunha das múltiples unidades policiais que loita contra o tráfico de drogas, o Greco da Policía Nacional, aínda que tamén presta atención ás operacións antidroga realizada por outras Forzas de Seguridade como a Garda Civil ou o Servizo de Vixilancia Aduaneira.
Para todo ese percorrido, o fío condutor é o narcotraficante Sito Miñanco, en cuxa figura se detiveron este mercores os participantes na presentación. Víctor Méndez destacou que o libro ten unha pequena introdución, pero empeza coa detención do capo en 2001 e que a 'alma mater' da publicación é o actual responsable da Brigada Central de Estupefacientes da Policía Nacional e antigo xefe do Greco Galicia, Antonio Duarte, que detivo dúas veces a Miñanco.
Ao longo da presentación, Pablo Varela insistiu en que "o narcotráfico do século XXI non é como o narcotráfico do século XX" e, fundamentalmente, "as características dos narcos actuais xa non son as dos grandes clans do século XX" e "as organizacións de narcotráfico dos anos 80 e 90 non son as de hoxe en día". Ante o panorama actual reivindica que "necesitamos impulso político e recoñecemento social" e que "ás veces é importante dotar de medos que permitan ser eficientes", en especial, maior dotación de persoal tanto a nivel policial como xudicial para loitar contra esta secuela.
Nas últimas décadas, o consumo non cambiou nin se reduciu, pero si as vías de entrada da droga e as organizacións de narcotraficantes e, para coñecer como funcionan por dentro, Varela considera fundamental o libro de Víctor Méndez, do que destaca que ten un "valor innegable" tanto polo seu enfoque xornalístico como polos aspectos técnicos que analiza.
Enrique León indicou que na actualidade "o que impera é cada vez menos a ética e gañar diñeiro fácil, canto máis mellor" e lembrou que "hai oferta porque hai demanda" e que os narcotraficantes van por diante das Forzas de Seguridade en moitas ocasións porque "todo o diñeiro que gañan, invísteno en medios" e porque "os narcos deixaron a primeira plana, deixaron os focos". Esta situación levoulle a concluír: "Desde hai moitos anos teño a percepción de que erradicalo é imposible".
En relación co libro, o ex comisario de Vilagarcía, que nos últimos tempos gañou relevancia pública pola súa presenza en múltiples estudios de televisión, destacou que se trata dun libro "veraz", "ben documentado", "real" e que o autor "se posiciona" e sitúase ao lado dos bos, as Forzas de Seguridade, fronte a outras obras recentes que "tratan con benevolencia a estes personaxes", os narcotraficantes. Na súa opinión, é "moi axustado á realidade" e "deixa claro que contra esta secuela deberíase loitar desde todos lados, tamén desde o xornalismo".
Relacionadas:
-
"O tráfico de haxix está banalizado como parte da paisaxe e non ten a repercusión que debería ter"
Por Natalia Puga |
-
Os 'Narcogallegos' de Víctor Méndez chegan a Movistar Plus en formato documental
Por Alejandro Espiño |
-
Desestiman unha demanda que pretendía cambiar o libro ‘Narcogallegos’ por vulneración do dereito á honra
Por Natalia Puga |
-
Da heroína ao fentanilo, o percorrido de Víctor Méndez polos 'traficantes da morte'
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Víctor Méndez: "Mentres haxa negocio, e vai seguir habéndoo, o narcotráfico non vai desaparecer"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |