A Lama leva aos tribunais a denegación "arbitraria" dunha subvención da Deputación
Por Redacción
O goberno municipal da Lama presentou un recurso ante o xulgado do contencioso administrativo de Pontevedra ao considerar "arbitraria" a denegación dunha subvención solicitada ao amparo do Plan Deporemse, que financia a remodelación e mellora de seguridade nos viarios de titularidade municipal.
En concreto, o recurso da Lama é contra o acordo adoptado polo pleno provincial, celebrado o pasado 28 de setembro, co cal se desestima a solicitude de subvención.
A orixe desta desavinza entre ambas as administracións estaría, presuntamente, na desconformidade do Concello da Lama coa aplicación do baremo obxectivo empregado pola Deputación de Pontevedra á hora de avaliar os méritos do proxecto presentado.
A Lama optaba a financiar o proxecto de mellora de seguridade viaria na rúa Miguel Carballal e na estrada de acceso ao lugar da Fraga.
Para os responsables municipais, o proxecto presentado cumpría "perfectamente" os fins para os que fora creado polo Plan Deporemse.
Así, sinala que na zona de actuación está o centro educativo do municipio, o pavillón de deportes, o edificio do obradoiro con actividades continuas, a igrexa parroquial e, mesmo, o centro de saúde, elementos fundamentais para optar a esta iniciativa orientada á mellora da seguridade viaria en lugares con edificios con especial concorrencia de público.
Segundo o criterio defendido polo Concello da Lama, actuouse de forma "arbitraria ou cando menos incorrecta" á hora de aplicar os baremos puntuables.
Ademais, considera que non se tiveron en conta adecuadamente os certificados técnicos achegados pola Secretaría do Concello á hora de acreditar o número de quilómetros incluídos como propios na extensión da rede viaria municipal, un dos elementos valorables á hora de alcanzar unha puntuación adecuada para lograr a súa aprobación definitiva.
Ante esta circunstancia, A Lama considera "lesionados" os intereses dos seus veciños, polo que decidiron interpoñer este recurso contencioso administrativo nos xulgados de Pontevedra para resolver un asunto que é "gravemente prexudicial" para os seus cidadáns.
Relacionadas:
-
O PP pedirá unha comisión que investigue os motivos das demandas xudiciais dos concellos contra a Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Ángel Moldes critica o "reparto arbitrario" que fan Carmela Silva e César Mosquera cos fondos provinciais
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva, ao PP: "Non vou a consentir nin unha calumnia máis. Decidirán os xulgados"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Os populares critican que no Plan DepoRemse "o 75% dos proxectos de concellos do PP son excluídos"
Por Oskar Viéitez |