Barro amplía o seu plan de compostaxe municipal ás vivendas
Por Redacción
O Concello de Barro amplía o seu plan de compostaxe municipal ás vivendas. Este xoves comeza a fase de información de este programa que inicialmente abranguerá aos lugares de Outeda e Fonte de Curro.
Coa colaboración do Ministerio de Medio Ambiente e o asesoramento da organización ambientalista Amigos da Terra, achegarase este plan a 70 familias que deberán cumprir os seguintes requisitos: habitar unha vivenda unifamiliar do municipio con parcela anexa, a concienciación ambiental e o número de habitantes da vivenda, que priorizará ás vivendas con maior número de persoas.
A cambio cada familia terá un composteiro de 320 litros, un manual de compostaxe e a formación e o asesoramento continuado durante un ano.
O xoves farase a primeira asemblea informativa aos veciños da parroquia de Curro co obxectivo de dar a coñecer o programa e inscribir a todas as familias que o desexen. Será ás 20:30 horas na Casa da Fábrica.
Deste xeito, ao composteiro comunitario implantado no municipio, sumaranse agora tamén os composteiros domésticos de todas estas familias.
Unha vez se inicie o proceso nas vivendas, realizaranse tres visitas nos domicilios dos participantes, para facer seguimento, resolver dúbidas e recoller datos relativos á evolución do proxecto. Finalizarase coa extracción de compost de cada composteiro e unha avaliación da experiencia, que servirá para poñer en marcha outras vindeiras fases do mesmo.
Dende o goberno local amosaron a súa preocupación polo aumento progresivo da cantidade de residuos, os problemas derivados do actual modelo de xestión e a necesidade de atopar unha alternativa a esta situación. Estes foron os motivos principais que fixeron poñer en marcha este programa.
Relacionadas:
-
Barro inicia a súa campaña para activar a compostaxe doméstica
Por Redacción |
-
Mosquera agarda que 50 concellos estén integrados no plan de compostaxe antes do final do mandato
Por Redacción |
-
En 2020 os concellos terán que compostar ou recoller os biorresiduos de xeito separado por lei
Por Redacción |
-
O Plan Revitaliza da Deputación, elixido como mellor experiencia ambiental de España
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |