Estudan rehabilitar parte do inmoble que ardeu hai dous anos na Ferrería
Por Alejandro Espiño
Os propietarios do inmoble que, en febreiro de 2016, foi arrasado polas lapas dun incendio na Ferrería, deron un primeiro paso para rehabilitalo.
Fontes municipais sinalaron este martes que, en concreto, realizouse unha consulta urbanística sobre os usos que podería ter o edificio con fachada á rúa Michelena.
Os seus donos barallan tres posibles usos: para local comercial e oficinas, para local comercial e vivendas ou un uso mixto para local comercial, oficinas e vivendas.
Unha das cuestións que, segundo os técnicos, deberán resolver é a división da propiedade, xa que o inmoble consta de dúas unidades que teñen unha catalogación patrimonial diferente.
Así, a intención inicial é recuperar tan só o edificio de Michelena 12, deixando polo momento o de Soportais 5 tal e como está actualmente, coa súa estrutura ao aire tras completar as tarefas de rebo.
En todo caso, o Concello asegura que se trata dunha noticia "esperanzadora" para poder recuperar este inmoble. A pesar diso, aclaran que as estadas que se están a colocar nel é para reparar as medianeiras do edificio do lado e non forman parte deste proxecto.
ACTUACIÓNS NO CENTRO HISTÓRICO
Ademais, a comisión de Urbanismo coñeceu o proxecto para rehabilitar outro edificio no centro histórico, entre as rúas San Román e Figueroa, que será utilizado para baixo comercial e dúas vivendas, unha cara a cada unha das dúas rúas.
Ademais, o goberno municipal confirmou que en próximas semanas asinarase a terceira fase do ARI do centro histórico, que terá un orzamento de case 1,5 millóns de euros, dos cales o 33% sufragará o Ministerio de Fomento, a 11% a Xunta, o 10% o Concello e o resto deberán asumilo os respectivos propietarios.
Relacionadas:
-
Unha disputa entre aseguradoras leva ao xulgado o incendio do edificio da Ferrería
Por Natalia Puga |
-
La Moda Ideal rexorde en Manuel Quiroga conservando o aspecto do local que ardeu na Ferrería
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un ano despois, chega a limpeza á cicatriz da Ferrería
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |