Rexeita ter agredido sexualmente o seu fillastro menor de idade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Este martes iniciouse na Sección segunda da Audiencia de Pontevedra o xuízo contra un home para o que a Fiscalía solicitou 15 anos de prisión por supostamente agredir sexualmente ao seu fillastro desde que este tiña catro anos e ata os 13.
O acusado negou todos os feitos, a pesar de que con anterioridade, ante a Garda Civil e no xulgado, admitira a súa autoría, unha confesión da que hoxe se botouse atrás sinalando que cando entón recoñeceu unha serie de prácticas sexuais fíxoo porque "eu tiña medo e estaba nervioso" e sobre aquel relato detallado dos feitos explicou agora que "inventei todo isto para que parecese que estaba a cooperar".
"Como eu non teño moitos estudos é fácil enganarme", dixo o acusado sinalando aos axentes da Garda Civil que o interrogaron. Durante a vista oral o acusado optou por rexeitar todos as agresións ás que supostamente someteu ao menor tratando de "arranxar o que tiña dito" e enmarcou a denuncia do seu fillastro nunha "vinganza" porque "quería quedar coa casa".
Si recoñeceu que maltratou ao seu fillastro, feitos polos que foi condenado en conformidade a dous anos de prisión polo Xulgado do Penal número dous de Pontevedra, aínda que rebaixou a gravidade destes antecedentes sinalando que "tiráballe das orellas e deille algún lapote" porque "comía moi pouco". Aquela sentenza incluía unha pena de tres anos de privación da patria potestade, e a prohibición de aproximarse e comunicarse co menor, o que deu lugar a que o neno abandonase o domicilio familiar.
Pola súa banda, a suposta vítima asegurou que foi sometido a unha serie de prácticas sexuais que tiñan lugar no monte, no baño ou o faiado da casa familiar e ás que non puido negarse debido ao temor que sentía respecto do seu padrasto, "eu non podía desobedecer absolutamente nada".
No ano 2015 cando residía na cidade de Barcelona e ante o medo a que as súas irmás tamén fosen vítimas de abusos, acudiu a unha comisaría dos Mossos d'Esquadra e interpuxo denuncia contra o seu padrasto por un delito continuado de agresións sexuais a un menor de idade.
Tanto a nai do denunciante como varias das súas irmás explicaron ao tribunal que non foron testemuñas de ningún tipo de abuso por parte do seu pai cara ao seu irmán ou cara a elas.
Prestaron declaración por videoconferencia a médico forense e a psicóloga forense, pertencentes ao Instituto de Medicina Legal de Cataluña, que presentaron un informe relativo ao denunciante, no que determinaron que o relato de feitos ofrecido polo mesmo era "crible" e que, por mor dos abusos padecidos, "o menor presentaba secuelas psicolóxicas" consistentes en sintomatología ansiosa reactiva, de "características postraumáticas", que é "compatible cunha reacción vivencial coherente cos feitos denunciados", requirindo soporte psicoterapéutico especializado.
Unha psicóloga que tratou ao acusado describiuno ante o tribunal provincial como un home "inxenuo, sumiso e facilmente sugestionable" concluíndo que "non é probable que cometese os abusos dos que foi acusado".
Ademais dunha pena de 15 anos de prisión a Fiscalía solicita que lle impoñan ao acusado a prohibición de aproximarse nun radio non inferior a 500 metros ao seu fillastro por un período de 20 anos, e de comunicarse con el polo mesmo período de tempo. En concepto de responsabilidade civil solicita unha indemnización de 60.000 euros pola secuela psicolóxica causada.
O xuízo seguirá o vindeiro martes 23 de outubro para que as partes presentes os seus informes e conclusións definitivas.