A Xunta de Galicia aproba definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Caldas
Por Redacción
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaba este martes a orde de aprobación defintiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Caldas de Reis. A titular da consellería mantiña un encontro co alcalde José Manuel Rey para trasladarlle esta decisión adoptada pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
Este documento obtivera a aprobación parcial en decembro de 2016, que xa abarcaba o 96% do territorio municipal. Só quedaban pendentes 3 dos 19 solos urbanizables propostos polo Concello de Caldas.
A conselleira mostrábase satisfeita por esta aprobación definitiva porque indicou que ofrece seguridade xurídica á situación urbanística de todo o termo municipal e á totalidade de 9.800 veciños de Caldas. Neste PXOM contémplanse máis de 560.000 metros cadrados destinados a espazos libres e zonas verdes.
Un 8,77% do concello queda clasificado como chan de núcleo rural, representado o solo urbanizable un 3,50% e o solo urbano un 2,03%. Máis do 85% do territorio manterase clasificado como solo rústico.
Entre outras opcións o documento permitirá a ampliación da Casa do Concello e do Instituto Aquis Celenis, ademais da construción do novo centro de saúde e aproveitar os espazos de valor natural situados nas proximidades dos ríos Bermaña e Umia, posibilitando a creación de parques fluviais.
Ángeles Vázquez agradeceu ao alcalde o traballo realizado e brindoulle a colaboración técnica e económica desde o departamento en materia de urbanismo cunha axuda á redacción de plan por importe de 116.000 euros.