O PSOE pide habilitar un aparcamento disuasorio entre Eduardo Pondal e Doce de Novembro
Por Redacción
A entrada en funcionamento dos novos xulgados da Parda traerá consigo, segundo o PSdeG-PSOE, un aumento considerable da necesidades de aparcamento no barrio. De aí que propoñan habilitar un estacionamento disuasorio e gratuíto.
O lugar que suxiren é a parcela municipal na unidade de actuación 18, entre Eduardo Pondal e Doce de Novembro que, nun principio, ía acoller o novo centro de recursos educativos da ONCE e que regresou a mans do Concello tras rescindirse o convenio coa entidade social.
É un espazo de máis de 5.000 metros cadrados que, actualmente, está sen uso e na que poderían coller máis de 200 vehículos, segundo os cálculos que fan os socialistas.
Este aparcamento tamén é necesario, di o voceiro do PSdeG-PSOE, ante a redución de prazas polas obras para ampliar a beirarrúa no treito de Eduardo Pondal entre Filgueira Valverde e Uxío Novoneyra.
Con todo, Tino Fernández sinala que o maior problema foi a falla de previsión da Xunta coa obra de ampliación dos xulgados. "Se xa agora é difícil atopar onde deixar o coche cando se vai ao xulgado, coa ampliación a cousa vaise a complicar moito máis", dixo.
"Non se entende como se poden ampliar os xulgados sen ter prevista a maior afluencia de vehículos. A zona pode converterse nun caos se non se atopan solucións", engadiu Fernández, que pedirá nunha moción ao pleno que o goberno municipal habilite este aparcamento disuasorio, aliviando así a carga de tráfico dos que buscan un lugar para deixar os coches.