A Fundación COPADE concede o selo Madeira Xusta a Ence
Por Redacción
Ence-Enerxía e Celulosa recibiu o selo Madeira Xusta por parte da Fundación COPADE, unha ONG involucrada no Comercio Xusto e a Madeira FSC. Trátase da primeira certificación mundial de Comercio Xusto para o sector forestal.
O encargado de recibir esta distinción foi Ignacio Colmenares, conselleiro delegado de Ence, que recentemente visitou Pontevedra e sinalou durante o acto de obtención do selo que a empresa ten un compromiso coa contorna irrenunciable, co obxectivo de mellorar e estar máis preto do propietario.
Pola súa banda, Javier Fernández, presidente de FSC España e director xeral e fundador de COPADE sinalaba que a relevancia social dun actor como Ence e o seu compromiso co comercio xusto, xustifican que se lle outorgou esta certificación como un proxecto demostrativo de que se poden facer as cousas ben desde unha óptica empresarial.
A certificación Madeira Xusta ten como referente inicial a madeira certificada FSC que se emprega no proceso de produción de celulosa, e profunda en indicadores complementarios, na súa maioría de tipo social. Entre outros indicadores, destacan os relacionadso coa xeración de riqueza no medio rural, a política laboral, e mesmo algúns compromisos ambientais como son, por exemplo, os plans de eficiencia enerxética en oficinas forestais do Grupo.
Ence debeu pasar unha fase inicial de acreditación de cumprimento dos indicadores de comercio xusto que solicitaba COPADE, para despois implantar o estándar no seu proceso de aprovisionamento de madeira e produción de celulosa.
Actualmente certificouse a produción de madeira patrimonial e parte da madeira procedente das compras en pé por parte da compañía. Ademais, Ence asumiu o compromiso de engadir progresivamente a gran parte dos seus provedores de madeira, ben de compras en pé, ou ben de subministradores. Para iso, a compañía está a traballar na transmisión e fomento dos valores relacionados co comercio xusto cos seus colaboradores.