Costas asegura non ter "ningunha constancia" do proxecto para ampliar a depuradora
Por Redacción
O Goberno central, que como responsable de Costas tería que autorizar a ampliación da depuradora dos Praceres cara os terreos do antigo campo de fútbol, asegura non ter "ningunha constancia" de este proxecto, impulsado por Augas de Galicia.
Así llo trasladou a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a unha representación das entidades veciñais de Praceres. Asegura que na dirección xeral de Sustentabilidade da Costa, o órgano ao que lle corresponde outorgar os permisos para ocupar terreos de dominio público marítimo terrestre, non saben nada desta ampliación.
Con todo, Larriba explicou que xa transmitiu á actual directora xeral, Ana Oñoro, o rexeitamento das forzas políticas de Pontevedra e da veciñanza de Praceres á ampliación da actual EDAR, entre outros temas.
"Hoxe mesmo remitín o acordo do pleno municipal de Pontevedra, de todas as forzas, polo que mostran o seu rexeitamento a esta presunta ampliación", destacou a subdelegada, que se comprometeu a estar "vixiante" e a manter unha vía de diálogo "aberto e sincero" cos veciños.
Desde a plataforma que rexeita a ampliación da depuradora, pola súa banda, explicáronlle á subdelegada que non se opoñen a actual depuradora pero si a unha ampliación que suporía para a parroquia unha nova agresión medioambiental.
Igualmente transmitíronlle a súa preocupación polo proxecto dun novo emisario, anunciado por Augas de Galicia, que podería ser o primeiro paso da nova depuradora.
Relacionadas:
-
Lourizán advirte: "Non hai consenso posible" para ampliar a EDAR "aínda que sexa cara Ence"
Por Redacción |
-
A Xunta ve "imprescindible" ampliar a depuradora e propón ocupar terreos de ENCE
Por Alejandro Espiño & Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez reúnese cos veciños de Praceres, que tamén rexeitan a creación do novo emisario
Por Redacción |
-
Lourizán preguntará a Maica Larriba que pensa o Goberno da ampliación da depuradora
Por Redacción |
-
O Concello reitera que a EDAR actual "dá de sobra" para atender a Pontevedra
Por Alejandro Espiño |