Infraestruturas inicia as obras de reposición da xunta de dilatación da ponte da Illa de Arousa
Por Oskar Viéitez
Logo do remate da Festa do Marisco do Grove, a Consellería de Infraestruturas iniciou os traballos de reposición da xunta de dilatación da ponte da Illa de Arousa orzamentados en máis de 18.500 euros.
Os traballos consistirán na substitución e reparación dunha das xuntas de dilatación desta ponte que, durante o verán, viuse afectada polo desprendemento dunha peza metálica que estaba deteriorada polo paso o tempo.
Trátase dunha xunta moi especial debido á particularidade desta infraestrutura xa que conta con 50 centímetros de movemento, cando o normal adiota ser de cinco.
A consellería ten prevista a substitución doutras xuntas similares no Salnés, concretamente na PO-548 en Carril, chegando á ponte do ferrocarril e na PO-305, antes de chegar ao polígono do Pousadoiro, así como na variante de Vilagarcía, na VG 4.7.
As obras terán unha duración de entre dez días e dúas semanas, cortándose o tráfico esta semana nunha dirección e a próxima noutra e regulándose a través dun semáforo.