Poio avanza na solicitude da desafectación da Praza da Chousa
Por Oskar Viéitez
Os técnicos do Concello de Poio acaban de entregar os informes relativos á reversión do espazo portuario de Combarro que comprende a Praza de Chousa, o paseo marítimo e toda a zona de Almirante Regalado cunha superficie de 16.500 metros cadrados. Respéctanse como zonas portuarias os dous peiraos da Chousa e a Canteira así como a rampla da Chousa.
Esta iniciativa, que o goberno local iniciou no mes de xuño, lévase a cabo tras a polémica reforma da Lei de Portos de Galicia que regula o uso das zonas portuarias "e que dado o seu afán de recadación pon en perigo a realización de actividades lúdico, deportivas e culturais que historicamente se viñan realizando nestes espazos", sinalan dende o concello.
Dende o mes de xullo e "para dar solución e resposta o movemento asociativo e resolver un problema que non exístia anteriormente" dende o Concello elaboráronse os planos pertinentes, memoria xustificativa e os informes técnicos correspondentes, unha vez que se determinou coa demarcación de Costas do Estado o deslinde marítimo terrestre na zona afectada.
Asemade, o goberno municipal tamén solicitou unha reunión con Portos no mes de xullo que estaba prevista para o pasado 9 de outubro pero que foi aprazada para o 30 de outubro.
Dada a demora con que se concederon estas reunións e coa finalidade de axilizar o problema o equipo de goberno optou por informar da solicitude da desafectación na Comisión de Urbanismo con anterioridade á aprobación no pleno de outubro ao fin de non atrasar máis a reversión.
O goberno local salienta que o Concello defende o uso público destas zonas que actualmente non teñen ningún uso portuario, adicadas a praza pública, aparcamento, parque infantil e vía de acceso público.
ASOCIACIÓN ARMADIÑA
A asociación Armadiña que amosou o seu malestar ante "movementos interesados difíciles de entender" na política municipal respeto da desafectación da Praza de Chousa.
"Non é comprensible agora que se intente a confrontación nun campo onde non se mostrou interese previo. Non todo vale na política e non todo vale para a veciñanza", sinalaron nun comunicado no que piden aos partidos políticos de Poio "que sumen e non dividan nesta cuestión".