Dous xubilados estremeños, gravados en vídeo roubando agasallos de Combarro
Por Redacción
Parece que ser amigo do alleo non está rifado coa idade. Iso, polo menos, comprobaron os axentes da Policía Local de Poio, que identificaron un matrimonio de turistas estremeños, de 68 e 64 anos, que foron gravados en vídeo roubando agasallos nunha tenda do centro histórico de Combarro.
A estas dúas persoas, segundo informa a Policía Local, investígaselles por un presunto delito de furto e deberán comparecer no xulgado nas próximas horas.
O roubo das figurillas e recordos de Combarro produciuse onte domingo. O propio comerciante alertou á Policía Local do roubo ao descubrir que faltaban os agasallos, entre eles dous hórreos, un reloxo cun hórreo e varios imáns.
Ao chegar, os axentes revisaron as cámaras de vídeo e descubriron quen roubara estes recordos. Tratábase dunha parella de Badaxoz, á que localizaron na terraza dun local de hostalería próximo.
Nos seus bolsos, ademais das figuras roubadas, atopáronse outros obxectos que, segundo a Policía Local, tamén son roubados, pero descoñecen quen é o seu propietario.