As titulacións do campus contan cunha taxa de ocupación de máis do 96%
Por Redacción
O Consello de Campus de Pontevedra celebrou este luns a súa primeira xuntanza tras as eleccións a reitoría e claustro do pasado 23 de abril, e abordou a situación en termos de matrícula das súas diferentes titulacións, que se atopan actualmente "por riba dun 96% de ocupación", segundo salientou o reitor, Manuel Reigosa.
Reigosa interpretou que esta taxa de ocupación "quere dicir que practicamente todas as nosas titulacións son moi valoradas polo estudantado" celebrando especialmente que os dous graos que teñen "unha dificultade maior" para cubrir a súa matrícula, coma son Enxeñaría Forestal e Dirección e Xestión Pública, atópanse no presente curso "moi preto de acadar o éxito completo".
Neste senso, o reitor anunciou a futura posta en marcha dun plan específico dirixido á captación de alumnado estranxeiro, "no que ímonos fixar especialmente nos países de Iberoamérica e na lusofonía" dada a curva demográfica de Galicia, que fai "unha aposta interesante atraer alumnado estranxeiro".
O reitor expuso a este órgano colexiado a necesidade de "facer recortes nalgunhas partidas menos prioritarias" co propósito de "poder contar con máis persoal" na universidade.
Reigosa precisou que recortará nas partidas que sexan "menos importantes" para os fins docentes, de investigación e de transferencia" da institución académica.
A sesión do Consello de Campus completouse así mesmo co informe do vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen puxo o foco en diferentes liñas de traballo que se van potenciar, co propósito de "abrir novas vías de traballo a medio prazo", e que abranguen tanto o ámbito das infraestruturas, como os proxectos do Campus Crea e o Green Campus e os "convenios de colaboración abertos" con institucións como Concello, Deputación e Xunta de Galicia, así como o traballo nos ámbitos de "cultura, integración e educación, xunto co deporte, o benestar e a saúde".
DESEÑO E CREACIÓN
Ao remate do Consello de Campus e atendendo ás preguntas dos xornalistas, Reigosa recoñeceu que "é unha mágoa" que as prazas que se destinen ao novo grao en Deseño e Creación que se proxecta implantar na Facultade de Belas Artes, "vaian en detrimento", por mor dos "axustes" que implica a implantación de novos graos, dunha titulación "que ten sempre un éxito tremendo de matrícula" como é o grao en Belas Artes.
"Esperamos poder negociar isto coa Xunta de Galicia", sinalou Reigosa, quen, respecto da nova titulación, apuntou que o prazo de implantación sería "en principio" para o ano 2019/2020 ainda que no reitorado "pensamos que se poderá impartir ese ano", dixo o reitor, que é partidario de agardar "a que estean os pasos máis avanzados" de cara á posta en marcha dun grao "que creo que vai ser tamén un éxito".