O sector de elaborados do mar anuncia unha folga para partir do luns 22 de outubro
Por Oskar Viéitez
Os sindicatos CIG, UXT e Comisións Obreiras convocaron de maneira conxunta unha folga no sector de produtos elaborados do mar para partir do próximo luns 22 de outubro "se a patronal non modifica a súa actitude incomprensible e prepotente", informou o portavoz de CC.OO., Víctor Ledo. "Se non nos deixan outra saída, pois imos á guerra. Iso si, que despois ninguén se lamente", agregou o portavoz de CIG-Mar, Xabier Aboi.
Por agora as distintas asembleas celebradas nas empresas da provincia están a ratificar a convocatoria que xorde como reacción de protesta tras a ruptura das negociacións para elaborar un novo convenio.
Unhas sete mil persoas traballan en Galicia neste sector, maioritariamente feminino, xa que o 75 por cento dos empregados son mulleres.
Os representantes destas tres centrais sindicais participaron este luns nunha asemblea na empresa pontevedresa Cabomar, radicada no Porto de Marín, onde presentaron o calendario de mobilizacións que arranca este luns e segue con paros durante as xornadas do mércores 24 e xoves 25.
Nunha rolda de prensa ante a empresa Cabomar, propiedade de José Luis Freire que é tamén o presidente de Conxemar, o portavoz de CIG-Mar acusou a esta patronal de "buscar o enfrontamento" ao estar "moi cómodos" tendo "traballo barato" e denunciou que ante esta situación de baixos salarios e precariedade "as administracións calan" fronte a un modelo de industria "moi subvencionado".
A responsable do sindicato UXT, Lourdes Diz, apuntou que o convenio estatal de produtos elaborados do mar asinouse o 31 de decembro do ano 2010 polo que reclaman subidas salariais que lles permitan ter nóminas "dignas" nun sector que está "moi mal pagado" e recuperar o perdido en materia en cuestións sociais e de dereitos.
Tamén piden un complemento por manipular produtos conxelados ou de refrixeración debido a que traballan en ambientes moi húmidos e fríos, tamén operan con serras manuais. Ademais queren que se regulen algúns dereitos básicos, por exemplo, hai empresas que descontan o descanso do bocadillo ou que non permiten ás mulleres acompañar aos seus fillos menores ao médico se non é quitándollo das súas vacacións.
Entre as peticións máis destacadas as traballadores do sector de elaborados do mar pretenden que o novo convenio limite ao 20% o número de persoas contratadas a través de empresas de traballo temporal e evite a implantación de novas fórmulas abusivas como empresas multiservizos ou falsos autónomos.
Relacionadas:
-
Os convocantes sitúan en máis dun 90% o seguimento da folga nas empresas de produtos do mar
Por Redacción |
-
Os traballadores do sector dos produtos elaborados do mar, ante o seu primeiro día de folga
Por Redacción |
-
A precariedade laboral nas empresas de elaborados e produtos do mar abre a porta a unha folga no sector
Por Anxo Lourido |
-
Estudan mobilizacións para lograr un convenio xusto no sector de elaborados de produtos de mar
Por Redacción |