Galicia, o reto dunha economía verde
Por Redacción
O desenvolvemento das enerxías renovables e a aposta pola eficiencia enerxética marcan a folla de ruta das Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020 que vén de aprobar este ano o goberno autonómico.
Deste xeito, a Xunta pon en valor a chamada economía verde cunha transición intelixente cara un modelo enerxético sustentable, no que se promove un investimento público-privado de máis de 3.000 millóns de euros nos vindeiros tres anos e unha previsión de crear máis de 12.000 empregos.
Estes factores van contribuír a facer máis competitivo o tecido empresarial de Galicia. Así mesmo, tamén suporán unha mellora na calidade de vida dos galegos, con custes enerxéticos máis reducidos nos fogares e mellor calidade da subministración.
Estes retos agruparanse en sete ámbitos estratéxicos: impulsar as enerxías renovables, mellorar a eficiencia enerxética, incentivar a mobilidade sustentable, rebaixar a dependencia enerxética, mellorar a calidade da subministración, seguir apostando pola innovación e mellorar a información dos consumidores.
Nas enerxías renovables prevese un investimento de 1.300 millóns de euros ata 2020, que permitirá instalar máis de 1200MW, dos cales máis de 1000MW serán para producir enerxía eléctrica a través da eólica, hidráulica, biomasa e fotovoltaica; e os outros 200MW corresponden á enerxía térmica, a través da biomasa, a solar térmica, a xeotermia e a aerotermia.
En canto á eficiencia enerxética, prevese que Galicia poida aforrar 150 millóns de euros ao ano ata 2020, con iniciativas como: os plans de aforro na Administración autonómica, as liñas de axudas ao aforro enerxético en fogares e empresas ou o desenvolvemento dos ecobarrios.
Neste senso, o proxecto de EcoBarrio de Ourense, o primeiro de Galicia, aspira a converterse no referente en xeotermia, xa que contará coa primeira rede de Europa, cunha lonxitude de 5 quilómetros. Esta fonte de enerxía renovable procedente do calor do chan utilizarase para abastecer de calefacción e auga quente a medio centenar de edificios do contorno.
Esta actuación completarase coa posta a punto de fachadas e envolventes térmicas, a transición cara a tecnoloxía led na iluminación, o fomento da mobilidade sustentable e a posta en marcha da Oficina do EcoBarrio, para dar cumprida información ás comunidades de veciños e asociacións.
O proxecto do pioneiro EcoBarrio de Ourense terá un investimento de 20 millóns de euros e posibilitará a creación de 300 postos de traballo.
O conxunto de iniciativas contempladas nas Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020 permitirá crear oportunidades para as empresas do sector enerxético e desenvolver unha economía máis competitiva. Non en van, Galicia xa acadou algúns dos obxectivos que marca Europa. É o caso do obxectivo de consumo de enerxía final de orixe renovable para 2020, que Europa sitúa no 20% e que na Comunidade galega xa é hoxe do 38%.