Bueu organiza un mercado ecolóxico e artesanal o 18 de novembro
Por Redacción
O aparcadoiro das Lagoas será o escenario elixido para a celebración o domingo 18 de novembro do mercado ecolóxico e artesanal que organiza o Concello de Bueu e que ten como finalidade revitalizar e promover o consumo de produtos de proximidade, ademais de recuperar o uso da praza como lugar de intercambio social.
De cara á organización do evento, o Concello abre o prazo de presentación de solicitudes para que os expositores interesados se apunten antes do 26 de outubro.
O mercado terá horario de 11 a 20 horas e a exposición e venda complementarase con actividades tales como obradoiros, demostracións, catas ou exhibicións, charlas ou coloquios relacionados coa promoción dun modelo de consumo e produción responsable e sustentable.
Segundo consta nas bases de participación, que se poden consultar na web municipal, permítense un total de corenta postos, os cales poden ser de alimentación, artesanía, comercio xusto, saúde e benestar, tecidos e calzado, turismo, gastronómicos e outros.
Ademais, resérvanse dez postos para expositores de Bueu.