O Bosque de Colón en San Xoán de Poio, candidato a Espazo Natural Protexido
Por Redacción
A comunidade de montes de San Xoán, por iniciativa do Partido Popular de Poio, iniciou o proceso para que o Bosque de Colón se convirta en Espazo Natural Protexido. A administración autonómica admitiuno a trámite para que se inicie o procedemento para esta declaración.
Desde a comunidade de montes recompilouse documentación e presentaron planos, certificados, estudo das árbores e unha memoria cos datos básicos da plantación, ademais dunha escolma dos motivos polos que se debe protexer e recoñecer este espazo situado na parroquia de San Xoán.
Neste bosque destaca a presenza de 500 pés de sequoia sempervirens, exemplares que foron plantados por John McElroy e técnicos californianos en decembro de 1992 coa participación de escolares de Poio e americanos, coñecidos como Columbus Kids.
Actualmente hai, segundo o inventario presentado, 429 exemplares en bo estado sanitario. A árbore máis grande mide 15,71 metros cunha copa de 7,41 metros de ancho, pero son varios os exemplares que superan os 15 metros de altura.
Este bosque ten un carácter único ao tratarse dun agasallo do pobo de Estados Unidos a España mediante resolución conxunta das cámaras lexislativas norteamericanas, que foi asinada polo entón presidente George H.W. Bush, con motivo do quinto centenario do descubrimento de América.
A comunidade de montes de San Xoán tamén está a levar a cabo unha campaña na internet para promover este Bosque de Colón nas redes sociais (@bosquedecolon) como Facebook, Twitter e Instagram.
O 4 de decembro, este bosque alcanzará o seu 26 aniversario e está previsto o cambio do panel informativo da entrada por outro actualizado. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio conta con dous anos para aprobar a declaración de espazo protexido, pero a lei, segundo apuntan desde o Partido Popular, establece que estas medidas de protección xa se aplican provisionalmente desde o momento de admisión a trámite.