Decepción do Colexio de Médicos pola última xuntanza con representantes de Sanidade
Por Redacción
Esta semana mantiña un encontro o Consello Galego de Colexios de Médicos e a Consellería de Sanidade. Por mor deste encontro, o Colexio de Médicos de Pontevedra mostrou a súa decepción polo resultado final desta reunión.
Tratábase o modelo asistencial de Atención Primaria e de PACs pero non se alcanzaron conclusións definitivas para abordar a reordenación da actividade en Atención Primaria debido ao fracaso dos grupos mixtos de traballo que foron creados en 2015. Desde o Colexio de Médicos de Pontevedra entenden que os problemas se manteñen e non se buscan solucións por "falta de vontade política pola persistencia dos recortes económicos en sanidade".
Tamén se debateu sobre as bases, que foron aprobadas e publicadas, do modelo de carreira profesional do Sergas. Este modelo non satisfai ao organismo colexial ao non incluírse algúns colectivos de profesionais médicos e a "deliberada exclusión" dos colexios profesionais nos comités de avaliación, de forma que non participan na elaboración dos baremos de méritos.
Na reunión tratouse tamén a necesidade de prever a saturación das urxencias hospitalarias en diferentes épocas do ano e a xestión de traslados por urxencias pediátricas a centros de referencia na área de Pontevedra. Ademais, analizouse a sentenza do xulgado do contencioso número 2 de Pontevedra en relación á provisión da xefatura de servizo de Psiquiatría no Complexo Hospitalario de Pontevedra.
Desde Pontevedra tamén se manifestou a preocupación pola declaración de preconcurso de acredores do Hospital Povisa ante a repercusión que pode ter esta situación para os profesionais deste centro. Os representantes da Consellería avanzaron que se traballa coa xerencia de Povisa para buscar unha solución co obxectivo de que a cidadanía reciba unha asistencia sanitaria de calidade.