Empezan as obras para dotar de maior confort e servizos a área de neonatos do Hospital Provincial
Por Redacción
O xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés acaba de iniciar as obras de renovación de equipamento e instalacións da área de Neonatoloxía do Hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, unha actuación que contempla a ampliación do espazo de traballo dos profesionais da unidade neonatal.
A actuación conta cun investimento de 375.000 euros e ten un prazo estimado de cinco semanas, durante as que tamén se procederá á colocación de novo equipamento preciso para prestar unha atención sanitaria aos neonatos cun maior grao de confort.
Con esta reforma, o Provincial adáptase aos novos retos aos que se enfronta a atención na Unidade de Neonatoloxía, facilitando a dotación dunha nova estrutura que permitirá abordar a complexidade clínica, mellorar a supervivencia e diminuír as secuelas destes pacientes.
A preocupación dos neonatólogos non se centra somentes na supervivencia do recén nado, senon que tamén logre un bo desenvolvemento e calidade de vida, premisas nas que a familia xoga un papel prioritario.
Neste senso, a unidade vai implantar un novo modelo de atención á prematuridade, no que resulta clave que os espazos se convirtan en máis amables e axeitados para a prestación de coidados centrados no desenvolvemento dos bebés e as súas familias, incorporando salas de acollida e descanso, de información para pais ou de colaboración coas asociacións de pacientes.
Trátase dun espazo que favoreza a lactación materna, incorporando o banco de leite materno doado, sillóns para realizar o contacto pel con pel ou o método canguro e salas de lactación materna.
Ademais, está previsto mellorar a climatización da unidade, de xeito que estea zonificada e sexa regulable en temperatura, permitindo así suficientes renovacións de ar e cun nivel de filtración óptima. Así mesmo, dotarase á unidade dun novo panel de illamento eléctrico que abastecerá á área coa garantía de potencia e illamento axeitada.
Outra das obras será a instalación dun novo sistema de fontanería e de saneamento para adaptarse aos novos puntos de auga, ademais de incorporar elementos que faciliten a hixiene de mans en determinados puntos estratéxicos.