Un teléfono móbil en carga explota e provoca un incendio nunha casa en Poio
Por Redacción
Un teléfono móbil que estaba enchufado á rede eléctrica para renovar a carga foi presuntamente a orixe dun incendio rexistrado durante a madrugada deste xoves a este venres nunha vivenda de Poio.
Eran as 6.20 horas da madrugada cando os ocupantes da vivenda, situada en la calle Valiña, sentiron un estouro e inmediatamente despois comezou a arder un móbil en carga.
O incendio colleu magnitude e arrasou un sofá e afectou ao resto da vivenda debido á nube de fume que se formou. Non houbo que lamentar danos persoais, pero si danos materiais importantes.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias CAE 112, tras recibir a alerta, o persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros de Ribadumia e Pontevedra e membros do GES de Sanxenxo, que se dirixiron ao domicilio para sufocar o lume.
No operativo tamén interviñeron os axentes da Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil de Poio.