A xuízo por agredir sexualmente o seu fillastro entre os 4 e os 13 anos
Por Redacción
Un home sentará no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra o vindeiro martes 16 de outubro por presuntamente agredir sexualmente ao seu fillastro desde que cumpriu 4 anos ata os 13, momento en que abandonou a casa familiar para ingresar nun fogar de acollida.
O home será xulgado na Sección Segunda da Audiencia como presunto autor dun delito continuado de agresións sexuais a un menor de idade polo que a Fiscalía solicita que sexa condenado a 15 anos de prisión e que indemnice ao menor con 60.000 euros pola secuela psicolóxica causada.
O fiscal tamén pide que se lle impoña a prohibición de aproximación nun radio non inferior a 500 metros do menor, do seu domicilio, lugar de estudo ou traballo ou calquera outro no que se atope, por un período de 20 anos, así como a pena de prohibición de comunicación co neno, por si ou por terceiras persoas, directa ou indirectamente e por calquera medio ou procedemento durante o mesmo tempo.-
O acusado vivía nun domicilio da zona de Lalín coa súa esposa e co fillo menor desta, ao que recoñeceu e deu os seus apelidos, e que se converteu na súa vítima, tanto de agresión sexual como de malos tratos.
Segundo o escrito de acusación do fiscal, desde que o menor cumpriu 4 anos, e "guiado polo ánimo de satisfacer os seus desexos lúbricos", empezou a someter ao neno a unha serie de prácticas sexuais ás que o menor non podía negarse debido á súa curta idade e ao temor que sentía respecto do seu padrasto.
Durante a comisión destas prácticas sexuais, o procesado atemorizaba, insultaba e maltrataba ao seu fillastro, producindo no mesmo un temor tan absoluto que impedía que puidese negarse ou rebelarse, ou mesmo contalo a algún familiar ou persoa da súa confianza.
O procesado tamén someteu ao menor a malos tratos de carácter físico de tal entidade que foi condenado por iso nunha sentenza firme ditada coa súa conformidade polo xulgado do penal número 2 de Pontevedra por un delito de malos tratos e outro de malos tratos habituais no ámbito da violencia doméstica.
A citada sentenza ditouse o 16 de abril de 2008 e supuxo unha pena de 24 meses de prisión, 3 anos de privación da patria potestade e privación do dereito á tenencia e porte de armas, e as prohibicións de aproximación e comunicación co menor. Esta sentenza foi a culminación da denuncia interposta no ano 2005, que deu lugar a que o neno abandonase o domicilio familiar o día 4 de abril de 2005, á idade de 13 anos, para ingresar nun centro de acollida, e posteriormente, o 11 de novembro de 2005, comezou a vivir co irmán da súa nai, en réxime de acollemento familiar.
O menor non denunciou as agresións sexuais continuadas que sufriu durante nove anos ata dez anos despois desa acollida. Xa estaba a vivir fóra de Galicia, en Barcelona, cando en 2015 acudiu a unha Comisaria dos Mossos D`Esquadra e interpuxo denuncia contra o seu padrasto por estes feitos, volvendo ratificala ante o xulgado e pedindo unha avogado de oficio para exercer a acusación particular contra el.
Unha médico forense e unha psicóloga forense do Instituto de Medicina Legal de Cataluña determinaron que o relato de feitos ofrecido polo mesmo era crible e que por mor dos abusos padecidos presentaba secuelas psicolóxicas.