Deteñen o sospeitoso dunha vaga de roubos na comarca do Salnés
Por Redacción
A Garda Civil logrou esclarecer 17 roubos cometidos durante as últimas semanas en establecementos comerciais de distintas localidades da comarca do Salnés e deter ao seu presunto responsable, un veciño de Vilagarcía de Arousa de 20 anos.
Os axentes detectaran un considerable incremento de roubos en Cambados, Meaño e Dena, de modo que o posto da Garda Civil de Cambados activou un dispositivo especial de prevención e investigación que puxo fin á escalada dos roubos e concluíu coa identificación do presunto autor.
O autor resultou ser JA.V.M., que ata hai pouco tempo estivera vivindo en Cambados. Atribúeselle a autoría dun total de 17 roubos en establecementos comerciais, 10 deles en grao de tentativa. Un total de 14 foron en Cambados, un en Sanxenxo e dous no interior de vehículos en Dena.
O mozo foi detido pouco despois de cometer un roubo nunha lavandería de Dena e levaba posta unha gorra que o identificaba como autor dun dos roubos que cometera en Cambados.
Nos arredores do centro urbano de Cambados tiña escondidas as ferramentas que utilizaba para perpetrar os roubos, onde tamén se puideron recuperar algúns obxectos subtraídos, entre eles dúas caixas rexistradoras, billetes de lotería e un teléfono móbil.
O detido, que ten un amplo historial delituoso, foi posto a disposición do xulgado de instrución número 3 de Cambados, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.