Protagonismo literario nas visitas guiadas programadas por tres cemiterios singulares

Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra vai desenvolver neste mes de outubro, por segundo ano consecutivo, unha serie de roteiros por cemiterios históricos da provincia, aínda que este ano como novidade serán visitas centradas no patrimonio literario e artístico.
O fío condutor van ser personaxes da literatura e do mundo das artes, relacionados con cada un dos camposantos, que van ir guiando os distintos roteiros para coñecer máis polo miúdo cada un deles.
A iniciativa vaise desenvolver en tres cemiterios: o de San Amaro (Pontevedra), o de Santa Mariña de Dozo (Cambados) e o de Pereiró (Vigo). As visitas serán os domingos 21 e 28 de outubro e comezarán ás 11 da mañá na entrada de cada camposanto. Os roteiros son completamente gratuítos. Haberá un número limitado de 25 persoas por grupo, debido ás especiais características dos lugares que se visitan.
Dende este venres día 12 de outubro, xa se pode reservar praza para esta iniciativa. A partir das 9 da mañá, haberá que enviar un correo electrónico á dirección visitasguiadas@depo.es e as entradas iranse adxudicando por orde de inscrición ata completar aforo. No correo de reserva, as persoas interesadas teñen que indicar o número de persoas que queren ir co seu nome e apelidos (máximo de 4 por cada reserva), que día e que ruta escollen e un teléfono de contacto.
No cemiterio vigués de Pereiró e a través da figura de Concepción Arenal, interpretada por unha actriz, darase a coñecer a orixe e a historia deste camposanto, a súa capela neogótica, o cemiterio civil ou a pegada dalgúns personaxes destacados como Urbano Lugrís, José María Álvarez Blázquez ou Tomás Argüelles.
No camposanto pontevedrés de San Amaro, o fío condutor da visita vai correr a cargo de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Cemiterio proxectado polo famoso arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmero, no percorrido poderanse coñecer as diferentes etapas e os diferentes espazos, como a capela de San Mamede, o cemiterio civil, o lugar onde está Alexandre Bóveda ou detalles de persoas destacadas do mundo das artes e das letras como Indalecio Armesto ou Daría González.
O cemiterio de Santa Mariña de Dozo, en Cambados, está declarado Monumento Histórico Artístico e inclúese na Rede Europea de Cemiterios Singulares. Neste caso, a visita realizarase por medio da figura de Josefina Blanco, destacada actriz de teatro de finais do século XIX, que foi tamén esposa do escritor Valle Inclán.