A mellora da rúa José del Río de Marín estará rematada nun mes
Por Redacción
A rúa José del Río de Marín está a vivir estes días unha actividade frenética con motivo das obras de mellora da mobilidade peonil e seguridade viaria e prevese que os traballos estean rematados para que a zona poida estrear nova imaxe non prazo aproximado dun mes.
O deputado de Mobilidade da Deputación, Uxío Benítez, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, fixeron unha visita ás obras este mércores e deron a coñecer estes prazos dunha actuación que está impulsada pola institución provincial en convenio co Concello de Marín.
Benítez destacou que, salvo complicacións coa meteoroloxía, os traballos rematarán mesmo antes do prazo de execución previsto inicialmente, xa que están realizadas todas as canalizacións soterradas de servizos, está feita a cimentación e colocado xa parte do lousado en pedra.
A vindeira semana colocarase a nova pasarela sobre o río Lameira, que permitirá que a beirarrúa da marxe esquerda discorra sen interrupcións, creando un itinerario peonil continuo. O seguinte paso será a mellora do firme, a colocación de pasos de peóns sobreelevados, a plantación de árbores e a colocación do mobiliario urbano, xunto coa instalación da sinalización vertical e horizontal.
A actuación ten un orzamento de máis de 240.000 euros e segue a filosofía de actuación nunha contorna urbana que xa se aplicou na avenida Luís Rocafort en Sanxenxo. Así, "buscan estándares de calidade urbana e se procura garantir por riba de todo que os espazos públicos son para as persoas e a seguridade viaria", segundo Uxío Benítez.
Relacionadas:
-
A rúa José del Río será transferida ao Concello de Marín tras a súa reforma
Por Oskar Viéitez |
-
A rúa José del Río estrea imaxe
Por Redacción |
-
O xoves haberá cortes de tráfico debido ás obras que se acometen en José del Río
Por Redacción |
-
Marín segue aumentando as súas rúas urbanizadas coa vista posta en Cantodarea
Por Oskar Viéitez |