A Xunta, "sorprendida" polo "cambio de postura" de Pontevedra coa depuradora
Por Alejandro Espiño
O rexeitamento unánime expresado pola corporación municipal de Pontevedra á ampliación da depuradora dos Praceres causou estrañeza na Xunta de Galicia. Aseguran estar "sorprendidos", especialmente polo "cambio de postura" do goberno municipal.
Desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da que depende agora Augas de Galicia, sinalan que despois de tres anos sentado coa Xunta na mesa para o saneamento da ría, o Concello de Pontevedra manifesta "por primeira vez" a súa oposición á ampliación da EDAR.
O saneamento da ría de Pontevedra é "imprescindible", recordan na Xunta, por razóns "legais, ambientais e marisqueiras" e, engaden, é "inaprazable" ante as multas millonarias impostas pola Unión Europea ante a mala calidade das augas da ría.
Ao opoñerse á ampliación da depuradora de Praceres "sen ofrecer alternativas", explican desde o goberno galego, o Concello "está a pedir que non se sanee a ría" e lamentan que esta oposición non veña acompañada dun compromiso de mellora da rede de saneamento de xestión municipal, "cuxo estado deficiente inflúe de forma notable no estado das augas da ría".
Tras subliñar que Pontevedra é a única das grandes cidades de Galicia que non xestiona a depuración das augas, a Xunta amosa a súa esperanza de que, cando menos, a postura do Concello sexa a de facilitar o saneamento da ría "desde unha colaboración construtiva" e que non se dediquen a "entorpecer" o proxecto.
O goberno galego avanza que seguirá "apostando polo diálogo" e, neste sentido, convocará proximamente a mesa de traballo polo saneamento da ría de Pontevedra, na que agarda que o Concello de Pontevedra presente unha "alternativa concreta e viable" para a localización da depuradora.
"No caso de non dispor dunha alternativa, agardamos a colaboración do Concello de Pontevedra para o deseño do proxecto de ampliación que teña menor impacto", engaden desde a Xunta, que recorda que o plan de saneamento da ría é un proxecto "participativo" no que as achegas de todos os implicados son "partes fundamentais" do deseño das actuacións.
Relacionadas:
-
A Xunta solicita ao Concello de Pontevedra a reparación da súa rede de sumidoiros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Rafa Domínguez reúnese cos veciños de Praceres, que tamén rexeitan a creación do novo emisario
Por Redacción |
-
Lourizán preguntará a Maica Larriba que pensa o Goberno da ampliación da depuradora
Por Redacción |
-
O Concello reitera que a EDAR actual "dá de sobra" para atender a Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez ve "mala conciencia" do BNG cara os veciños de Lourizán
Por Alejandro Espiño |
-
Os veciños de Lourizán esixen a Augas de Galicia que retire inmediatamente o proxecto de ampliación da EDAR
Por Oskar Viéitez |
-
Rexeitamento unánime de Pontevedra á ampliación da depuradora dos Praceres
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez esixe ao alcalde que ofreza unha alternativa á ampliación da depuradora
Por Oskar Viéitez |
-
"Pontevedra non pode asumir o custo ambiental da depuradora e Poio e Marín irse de rositas"
Por Alejandro Espiño |