Os centros educativos de Ponte Caldelas toman parte na loita contra a violencia machista
Por Redacción
A loita contra a violencia de xénero, cun enfoque centrado na prevención dende a educación social, será protagonista en Ponte Caldelas durante os próximos meses. O Concello pon en marcha un amplo programa de actividades encadradas dentro da iniciativa #EuTomoParte.
O programa comezou xa co alumnado de Primaria dos colexios Cordo Boullosa e A Reigosa, así como o instituto de ensino secundario. Ao longo dos próximos meses continuará con actividades dirixidas ao comercio local, ás mulleres e, finalmente, a toda a veciñanza en xeral, con especial intensidade durante a semana do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
O Concello de Ponte Caldelas accedeu ás subvencións da Deputación de Pontevedra para fomento da igualdade e prevención da violencia de xénero. A súa solicitude acadou a máxima axuda contemplada nas bases, cun importe de 6.000 euros.
Nas charlas dos centros educativos estase a traballar sobre a conceptualización da violencia de xénero. Nas próximas semanas, en colaboración co profesorado, convocaranse concursos de debuxo. As imaxes seleccionadas distribuiranse polos comercios e locais de hostalería e tamén serán obxecto dunha campaña nas redes sociais, reforzada co hashtag da campaña.
A segunda etapa, xa nos meses de novembro e decembro, diríxese especificamente ás mulleres vítimas da violencia e abordaranse cuestións como o empoderamento no emprego.
A terceira e última fase terá especial intensidade durante a celebración do 25-N e fará fincapé na visibilización do problema utilizando o recurso dos debuxos e organizando actos específicos. Ademais haberá outro tipo de cartelería, protagonizada por persoas concretas de Ponte Caldelas que se presten a colaborar e que servirá para difundir mensaxes orientadas a desmontar os tópicos sobre a violencia de xénero.
O goberno local anima a toda a sociedade caldelá a sumarse a esta campaña e a participar nas distintas actividades co obxectivo de alertar sobre un problema moi arraigado e que afecta a todos e que non é alleo a ninguén.
Relacionadas:
-
Micaela Malleiro e Silvia Carballido gañan o concurso de debuxo do 25-N en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
#EuTomoParte, nova campaña de Ponte Caldelas contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Convocan a segunda edición do concurso escolar de debuxo e relatos contra a violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
A actriz Uxía Blanco reivindica o cineasta Chano Piñeiro como defensor da igualdade
Por Redacción |