Aprazan nove días un xuízo por falsidade documental para ser "pulcros" co dereito á defensa do acusado
Por Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu aprazar ata o vindeiro xoves 18 de outubro un xuízo previsto para este martes contra Manuel G.L., administrador dunha empresa dedicada á promoción e venda de vivendas ao que se lle acusa de falsificar documentación do Concello de Porriño para aparentar que dúas vivendas unifamiliares eran legais e vendelas.
A suspensión acordouna o tribunal que preside Xosé Xoán Barreiro Prado en resposta a unha petición da avogada do acusado, que alegaba que non puidera preparar a defensa do seu cliente e relataba problemas na notificación das resolucións xudiciais.
Tanto a Fiscalía como os avogado das outras partes acudidas na causa como acusación (os Colexios de Aparelladores e Arquitectos, dúas prexudicadas e o concello de Porriño) opuxéronse á suspensión e mesmo lle reprocharon ao acusado que o "problema" de notificacións alegado "non é da letrada senón do acusado, que non quixo defenderse adecuadamente".
Os tres maxistrados do tribunal decidiron acceder á petición, pero deixando claro que non aprecian "irregularidades procesuais" que xustifiquen a suspensión, pero que si se apraza nove días para "ser pulcros co dereito á defensa" do acusado.
O tribunal insiste en que a avogada do procesado que alega non poder preparar o xuízo porque se lle notificou tarde xa era a mesma que presentou un escrito un ano atrás e que o domicilio de notificación foi o mesmo no que o pasado domingo o acusado foi localizado pola Policía Local e que figura en procedemento xudicial para o resto de notificacións.
O acusado, pola súa banda, tomou a palabra para insistir en que ten leucemia desde o ano 2012, ten unha válvula danada e está a tratamento psicolóxico, de modo que "non estou para andar lembrando nada disto". Os feitos remóntanse aos anos 2009 e 2010.
A Fiscalía pide que sexa condenado a 14 anos de prisión por dous delitos continuados de falsidade en documento oficial e mantén que promoveu a construción de dúas vivendas unifamiliares en Porriño e, para lograr obter un beneficio inxusto, dado que tales vivendas unifamiliares, non contaban coas debidas licenzas de obra por parte do concello, decidiu confeccionar dous documentos dándolle a aparencia de ser licenzas municipais e elaborar e asinar dous certificados finais da obra coma se fosen realizados por un arquitecto e un arquitecto técnico e co aparente visado do Colexio de Arquitectos de Galicia.
Unha vez que confeccionou todos estes documentos, cos que pretendía acreditar a súa solvencia e unha maior veracidade en tales proxectos, xerando con iso unha confianza nas futuras propietarias, convenceunas exhibíndolles tales documentos facéndolles crer que as vivendas cumprían a normativa e eran susceptibles de ser ocupadas, co que a través deste ardid conseguiu que comprasen as vivendas, formalizándose estas vendas en escritura por 147.763,27 e 175.298,57 euros.