O Concello de Vilagarcía e os comuneiros alertan da propagación do chabolismo nos montes de Trabanca
Por Oskar Viéitez
O Concello de Vilagarcía solicitará unha reunión co director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia, a APLU, co obxecto de instar ao organismo autonómico a que tome as medidas oportunas para frear a propagación do chabolismo nos montes de Trabanca Badiña.
O alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Benestar, Tania García, desprazáronse este martes ata o lugar acompañados por membros da xunta de montes para comprobar a proliferación de construcións ilegais
As caravanas e chabolas atópanse en solo rústico, polo que a competencia é da Xunta de Galicia.
Os veciños alertan de que o asentamento de infravivendas cada vez é máis extenso, ocupando zonas de monte e incluso camiños veciñais.
O Concello de Vilagarcía advirte que tamén se trata dun problema social, polo que pide á Xunta que acompañe á acción urbanística con medidas como o realoxamento dos chabolistas.