600.000 euros máis para o Concello tras detectar irregularidades no pagamento do IAE
Por Alejandro Espiño
573.000 euros. ÿ a cantidade que recadará o Concello de Pontevedra grazas á inspección tributaria do imposto de actividades económicas (IAE). Unha asistencia técnica, contratada hai un ano, permitiu descubrir que moitas das empresas con sede no municipio e que teñen unha cifra de negocio superior ao millón de euros, estaban pagando menos do que lles correspondía.
Trátase dunha cantidade que crecerá notablemente nos próximos meses. Segundo o concelleiro de Facenda, Raimundo González, o goberno municipal calcula que é "aproximadamente un tercio do que se pode recadar ao remate do proceso". Inclúe non só os 90.000 euros que estas empresas deben de pagar polo seu estado actual, senón tamén o diñeiro que non satisfixeron ata agora e as sancións que recibiron (e aceptado) por esta infracción.
Raimundo González sinalou que entre un 20 e un 25 por cento do total destas empresas paga menos do que debería, pero "non necesariamente por un ánimo defraudatorio". Explicou que calquera modificación na maquinaria, na extensión que ocupan ou na enerxía consumida supón un aumento de cara á tributación deste imposto, "e houbo empresas que aumentaron a produción e non notificaron os cambios".
O edil nacionalista apuntou que entre as empresas inspeccionadas, entre elas as integradas no sector do automóbil "e algunha en Lourizán", non hai ningunha que non pague este imposto. En todo caso, esta revisión "non foi aleatoria" e comezouse por empresas sobre as que había indicios de que os seus pagamentos non se axustaban á legalidade, así como sociedades que non tiñan que tributar e que co seu aumento de actividade superaron o mínimo legal.
En total, o Concello de Pontevedra recada anualmente uns 1,7 millóns de euros por este imposto. Págano unhas 900 sociedades radicadas no término municipal.