A ONCE dedica un dos seus cupóns a Barro
Por Redacción
Se hai uns días coñecíamos que A Lama ía protagonizar o cupón do sorteo da ONCE do 10 de outubro, a entidade confirmou que será outro concello da provincia de Pontevedra o que completará a serie de localidades galegas con nomes singulares: Barro.
Barro será a imaxe do cupón deste martes 9 de outubro. O billete estará ilustrado cunha fotografía dos muíños do río Barosa, un dos enclaves naturais de maior atracción turística do municipio.
Os cupóns pertencen á serie 'Mi pueblo', que consta de 91 cupóns dedicados a localidades españolas con nomes singulares. En total 5,5 millóns de cupóns difundirán a imaxe de Barro por toda España.
Os cupóns de Barro e A Lama son os últimos dedicados a Galicia nesta serie de cupóns de diario, que contou con dous concellos por cada provincia: A Coruña (Zas e Cariño), Lugo (Bóveda e Castroverde) e Ourense (Avión e Melón).
O cupón diario da ONCE ofrece, por 1,5 euros, 55 premios de 35.000 euros ás cinco cifras. Ademais, o cliente ten a oportunidade, por 0,5 euros máis, de xogar tamén á serie e gañar La Paga de 3.000 euros ao mes durante 25 anos, que engádese ao premio de 35.000 euros.
Terán premio de 500 euros os números anterior e posterior ao agraciado; e premio de 200, 20 e 6 euros ás catro, tres e dúas últimas cifras, respectivamente, do cupón premiado. Tamén haberá reintegros de 1,5 euros á última e primeira cifra.