Cuntis volverá instalar urnas para que os veciños escollan os festivos locais

Por Oskar Viéitez
A consulta popular chega a Cuntis entre o martes e o xoves desta semana. A través da concellería de Cultura, o goberno local quere que os veciños tomen decisións e por este motivo consultará cos habitantes do municipio cales son as súas preferencias á hora de elixir os festivos locais durante o ano 2019.
O proceso levará a cabo de dúas formas diferentes. En primeiro lugar, realizarase unha votación telemática a través dun enlace que se compartirá nas redes sociais da concellería de Cultura e de Turismo. En segundo lugar, instalaranse urnas na Casa do Concello e na Oficina de Turismo para que a veciñanza poida recoller unha das papeletas e marcar os dous festivos que consideren máis adecuados.
A votación pecharase o xoves ás 14:00 horas. Despois farase un reconto e o resultado será trasladado ao debate do pleno ordinario da corporación neste mes.