O Concello acondiciona o lavadoiro de Quireza e o local social de Vilalén
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade segue cos intensos traballos do seu plan de mellora de equipamentos e bens públicos, que se están a realizar con medios propios a través da Brigada Municipal de Obras, e vén de acondicionar o lavadoiro de Quireza e de realizar certas obras no local social de Vilalén, na parroquia de Tomonde, para corrixir as humidades existentes no seu interior.
En concreto, neste centro veciñal, cuxa actuación se enmarca no proxecto global de modernización de todos estes recintos para favorecer as actividades das parroquias, acometeuse o picado exterior e o rexuntado dos seus muros de pedra para favorecer o seu correcto sellado e impedir, deste xeito, que entre a humidade.
Por outra banda, o lavadoiro de Quireza beneficiouse dunha completa reforma que incluiu a limpeza das lousas e a instalación dun novo teito, entre outras cuestións, e que está pendente da execución duns pequenos detalles para o seu remate.
O presidente municipal, Jorge Cubela, destacou o "gran traballo" que se está a realizar cos medios e o persoal propios para manter e modernizar as instalacións públicas máis empregadas polos veciños.