A pasarela Debut busca modelos para a súa duodécima edición
Por Redacción
O Pazo da Cultura acollerá o próximo xoves 22 de novembro a duodécima edición da pasarela Debut, na que o alumnado da Esdemga presenta as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos.
Entre elas figurarán por primeira vez propostas realizadas polo alumnado do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que comezou a impartirse o pasado curso.
Para que a pasarela poida celebrarse fan falta modelos. Como cada ano, a escola abriu o proceso de selección para elixir ás preto de sesenta persoas que desfilarán en Debut 2018.
As persoas interesadas en participar como modelos poden tanto contactar coa organización a través do enderezo electrónico esdemga@uvigo.es, como achegarse polo despacho da titulación na Facultade de Belas Artes de luns a xoves en horario de 9.00 a 14.00 horas.
A directora da Esdemga, Lola Dopico, explica que nun primeiro momento "o que facemos é tomarlles unha serie de medidas e facerlle unha foto á xente que queira participar, algo que ademais agradecemos moitísimo porque sempre é xente moi colaboradora".
A partir desas fichas, a escola realizará unha selección final que dependerá das características das coleccións que presente o alumnado, "que aínda se están acabando de elaborar" e que antes de subir á pasarela deberá defender diante dun tribunal a finais de outubro.
O propósito de Debut é tender unha ponte ao alumnado que remata os seus estudos e conectalos co ámbito profesional. O evento, cada ano, se ve complementado, por un programa de talleres e conferencias e por unhas xornadas técnicas na que persoal de recursos humanos de empresas do sector mantén unha serie de entrevistas cos novos titulados.
Deste xeito, Debut constituirá un ano máis "unha forma integral de que o circuíto profesional e a propia cidade coñeza o que se fai dentro das aulas", engadiu Lola Dopico, quen pon tamén o acento na importancia de "amosar á cidadanía o que estamos a facer".