As obras avanzan a bo ritmo e os adestramentos poderán volver ao pavillón da Xunqueira en decembro
Por Redacción
O pavillón multiusos da Xunqueira poderá volver a usarse como lugar de adestramento xa durante o próximo mes de decembro. O ambicioso proxecto de reforma integral que se está acometendo aínda se prolongará un tempo máis, pero todos os cálculos parecen confirmar que, salvo dificultades vencellada ás inclemencias meteorolóxicas, os traballos avanzan segundo o ritmo previsto e as instalacións poderán usarse antes de final de ano.
Así o deron a coñecer este luns o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, durante unha visita ás obras acompañados polos responsables dos traballos, a Unión Temporal de Empresas (UTE) Prace-Constructora San Emeterio.
A obra supón un investimento de 1.947.164 euros con cargo aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Pontevedra, e leva en marcha desde o pasado 22 de agosto.
Este luns as obras avanzaban "a bo ritmo" e Lores explicou que os adestramentos volverán ás pistas unha vez que estea rematada a instalación dun pavimento "de última xeración" ou "3.0" que están a poñer nas dúas pistas de xogo e a colocación das novas cristaleiras do recinto.
O resto dos traballos faranse mentres xa se está a adestrar e, ata que rematen, non se volverá usar para competicións. Todo seguirá segundo as previsións iniciais, aínda que "se ven a chover, igual se retrasa".
Lores lembrou que o pavillón ten xa 24 anos e había unha necesidade de "mellora e actualización, sobre todo, desde un punto de vista enerxético", de aí a importancia desta actuación e que se estea a facer o esforzo de levala a cabo a pesar de que supoña molestias durante estes meses para unha instalación cunha utilización "grandísima" por parte, fundamentalmente, de clubs de deporte base que están a ter que usar neste tempo equipamentos deportivas de todo o municipio.
O alcalde destacou que as bases deste proxecto son a renovación dos vestiarios que darán servizo ao propio multiusos, pero tamén ao alumnado do instituto A Xunqueira II que o usa para as súas actividades deportivas e aos campos de fútbol da Xunqueira e tamén a calidade dese "pavimento 3.0", o mellor que existe no mercado na actualidad en canto a duración e flexibilidade.
A maiores, insistiu en que entre as dúas pistas de xogo actuais haberá unha bancada con capacidade para unas 100 persoas que será moi usada polos familiares dos nenos que adoitan competir e adestrar no pavillón, e polo resto de asistentes ás competicións.
Oito clubs utilizan de xeito habitual o Multiusos da Xunqueira: Teucro, Cisne, Leis, Voleibol Pontevedra, Arxil, Estudantes Pontevedra, o Club de Baloncesto Pontevedra e os equipos da Liga Asfusa.
Relacionadas:
-
A senda verde entre parroquias e os locais para novos creadores na rúa Serra, proxectos previstos para 2020
Por Redacción |
-
Cidadáns Pontevedra critica o atraso na apertura do Pavillón Multiusos da Xunqueira
Por Oskar Viéitez |
-
O novo multiusos da Xunqueira "con animaliños" estará listo a mediados de xaneiro
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello ten en marcha máis de 5 millóns de euros en obras dos fondos FEDER
Por Oskar Viéitez |
-
As pistas deportivas provisionais, a pleno rendemento no Recinto Feiral
Por Redacción |
-
Os dous especialistas en España en traslado de espazos deportivos tentarán montar as pistas do Multiusos no Recinto Feiral
Por Redacción |
-
As pistas deportivas do Multiusos instalaranse no Recinto Feiral durante as obras de reforma do pavillón
Por Diego Espiño |
-
A reforma do Multiusos comezará "canto antes" e concluirá a finais de ano
Por Alejandro Espiño |