Cervexa, salchichas, motos e concertos: volve a OktoberFest a Campelo
Por Oskar Viéitez
A Festa da Cervexa, organizada pola Asociación Deportiva Cultural Campelo, regresa esta semana a Poio na véspera do festivo Día do Pilar.
Arranca este xoves na praza da Granxa de Campelo a sexta edición a OktoberFest, que trae un cartel musical encabezado por Dakidarría que actuará en acústico o día 11, será a media noite, despois do concerto dos noienses Monoulious DOP.
A música continúa o venres con Pablo Balseiro e Os Cascarillas, mentres que o sábado será a quenda de Gin Toni’s e Terapia de Grupo. Nas tres xornadas un DJ será o encargado de pechar musicalmente a festa.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores a organización habilitará autobuses gratuítos que realizarán paradas na contorna da capela de San Roque de Pontevedra, Pazo Ferreirós, A Seara e Combarro. Terán saída cada 30 minutos, desde as 21 horas e ata as 3 da madrugada.
A festa contará con actividades para nenos, a chamada OktoberKids, que inclúe un servizo de gardería durante as tres xornadas e a actuación dun mago, un taller de pintura e xogos populares.
O sábado 13 terá lugar a segunda Quedada Moto Custom.
Na presentación da OktoberFest, na que participaron a concelleira de deportes, Marga Caldas e o deputado de cultura e lingua, Xosé Leal, os representantes da Asociación Deportiva Cultural Campelo explicaron que este ano cambiaron de provedor de cervexa, que agora é Paulaner. Teñen unha previsión de despachar 1.700 litros de loura, 800 de torrada e 300 de trigo. Ademais servirán unha Guinness nitroxenada.
Para acompañar prepararanse 1.500 unidades de salchichas, tamaños XL e normais, e uns 300 codillos.