O guindastre municipal xera unhas perdas de 150.000 euros anuais
Por Alejandro Espiño
Ao guindastre de Pontevedra non lle saen as contas. A empresa Setex Aparki, que xestiona este servizo desde 2007, cifra en máis de 150.000 euros anuais as perdas que lles xera encargarse da recollida e custodia de vehículos na cidade. O motivo, alegan, é a drástica diminución no número de coches retirados.
Así, no contrato co Concello -renovado en 2012 e que vence a finais de 2019- estimábanse uns ingresos de 579.000 euros ao ano. E a realidade, segundo recollen os balances económicos da empresa, dista moito desta cifra.
Setex Aparki asegura que no exercicio económico 2015-2016 as perdas alcanzaron un 25,82%, mentres que o ano seguinte creceron ata o 26,98%. Por iso, solicitaban ao Concello, seguindo un trámite previsto no contrato, que compensase este desequilibrio.
Os servizos municipais, con todo, estimaron que os pregos da adxudicación deste contrato fixaban que o primeiro 20% destas perdas, de producirse, corren a cargo do risco que asume a propia empresa.
O goberno, en base a ese informe, acordou compensar as cantidades que exceden dese límite. Por iso, o Concello acordou abonar a Setex Aparki un total de 74.171,65 euros polas perdas rexistradas nestes dous anos, en lugar dos 306.002,78 euros solicitados pola compañía concesionaria do guindastre municipal.
Desde o goberno local recoñecen que o modelo urbano de Pontevedra é, en parte, responsable do menor número de coches retirados durante estes últimos anos.
Os enganches situáronse en 2017 en 2.907 fronte aos 4.546 de 2014, algo que o Concello tamén achaca ao maior coidado que teñen os cidadáns á hora de aparcar os seus coches, para aforrarse os 160 euros que custa o enganche e a custodia do vehículo retirado.
OUTROS ACORDOS
Ademais, a Xunta de Goberno acordou licitar por 16.932,13 euros un contrato para a subministración de novos equipos de respiración e máscaras para o parque de Bombeiros.
Pola súa banda, prorrogáronse un ano os contratos de subministración de artigos de papel e hixiene e de encadernación de libros de contabilidade e actas, por 16.000 e 10.112,39 euros respectivamente.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra insiste en recuperar a xestión directa do servizo de guindastre
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello pagará 29.700 euros anuais máis á empresa encargada do guindastre porque ten perdas
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Entra en vigor a nova taxa do guindastre: 115 euros por enganche
Por Oskar Viéitez |