Os veciños de Lourizán piden que non se use a ampliación da depuradora como arma electoral

Por Redacción
A Plataforma Non Á Ampliación da Depuradora pediu este domingo aos grupos políticos que compoñen a corporación municipal de Pontevedra que non utilicen como "arma electoral" este asunto e actúen "conxuntamente, con honradez e con lealdade cara aos veciños".
Así o sinalaron nun comunicado no que fixeron balance das reunións mantidas coas diferentes formacións políticas, a excepción do BNG "porque non responderon as peticións para que tivese lugar", explicaron.
En canto ao resto os veciños valoraron os encontros como "moi positivos, porque todos os partidos mostraron a súa oposición á ampliación", sinalaron.
Segundo a plataforma, o Partido Popular manifestou que había que buscar alternativas á ampliación da depuradora, esperando os veciños que apoien a moción conxunta que será levada ao próximo pleno municipal. O PSOE foi quen redactou esa moción, cun texto breve buscando o maior consenso posible, e propúxolle aos afectados que solicitasen unha entrevista coa subdelegada do Goberno, Maica Larriba, ao ser preciso que Costas do Estado aproba a concesión en Dominio Público Marítimo Terrestre.
Marea pola súa banda estaría por apoiar a citada moción, aínda que presentou unha propia máis ampla que, segundo o seu criterio, defende mellor os intereses veciñais, mentres que Cidadáns oponse á ampliación da depuradora entendendo que coa tecnoloxía adecuada a actual instalación pode seguir dando servizo aos municipios limítrofes sen necesidade de ampliar a súa capacidade.
Tras estas reunións e o apoio das formacións políticas, a Plataforma Non Á Ampliación da Depuradora considera que "a nova directora de Augas de Galicia debería retirar o proxecto" e propoñer novas alternativas para acordalas cos concellos afectados.
Relacionadas:
-
Os veciños de Lourizán esixen a Augas de Galicia que retire inmediatamente o proxecto de ampliación da EDAR
Por Oskar Viéitez |
-
Rexeitamento unánime de Pontevedra á ampliación da depuradora dos Praceres
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez esixe ao alcalde que ofreza unha alternativa á ampliación da depuradora
Por Oskar Viéitez |
-
"Pontevedra non pode asumir o custo ambiental da depuradora e Poio e Marín irse de rositas"
Por Alejandro Espiño |
-
Os veciños de Praceres aplauden que o Concello lles dea a razón sobre a EDAR e piden unha reunión con Lores
Por Redacción |
-
O Concello, sobre a ampliación da depuradora: "Os veciños dos Praceres teñen a razón"
Por Alejandro Espiño |