Cerdedo-Cotobade presume das Augas da Freixa e do Val de Quireza
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade quixo impulsar os valores de dous dos seus enclaves de interese, as Augas da Freixa e o Val de Quirenza, no marco das III Xornadas Turísticas, Históricas e Culturais "Cuspedriños10", organizadas en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia.
A primeira actividade foi a charla-presentación do libro "O Val de Quireza" a cargo do seu coordinador, Carlos Valiñas, que foi introducido pola concelleira Emma Valiñas. O escritor explicou fitos históricos e xeográficos desta parroquia cerdedense e a súa contorna que son importantes atractivos e potencial turístico no interior de Galicia.
A continuación, o Hotel Chola acolleu unha charla-coloquio sobre as Augas da Freixa a cargo da arquitecta Cristina García, que foi presentada polo tenente de alcalde Fernando Vázquez. A especialista, que xa se encargou dun proxecto de recuperación similar na zona termal dos Baños de San Xusto, abordou a potencialidade deste espazo de augas sulfurosas e medicinais na parroquia de Santa María de Sacos e informou das distintas opcións de rehabilitación.
As Xornadas "Cuspedriños10" afrontan a súa recta final e prepáranse para a clausura coa realización do Roteiro do Foxo, unha andaina que se desenvolve en colaboración coa Fundación Antonio Fraguas e que terá lugar o domingo 21 de outubro.