Critican que o Concello de Poio non fixese xestión algunha ante Defensa nos últimos 16 anos para recuperar Tambo
Por Oskar Viéitez
Despois de reunirse coa subdelegada do Goberno, Maica Larriba, a Asociación Irmandade Illa de Tambo asegura que o Concello de Poio non fixo en 16 anos xestión algunha diante do Ministerio de Defensa como titular da Illa de Tambo.
Engaden ademáis que tería que aprobar en Pleno a trasferencia da illa (está dentro da súa demarcación), elaborar un Plano Técnico de Viabilidade ou Proxecto, e presentarse diante dese ministerio e discutir o traspaso.
Esta asociación lamenta que o goberno municipal de Poio dende a desafección polo Ministerio de Defensa da Illa de Tambo para usos militares no ano 2002 "non foi quén de amosar o máis mínimo interese en recuperar ese enclave".
"Falemos claro, o goberno municipal de Poio nunca quixo saber nada da Illa de Tambo, sendo un exemplo paradóxico do que defenden os dous partidos cogobernantes cando falan coa boca chea de xestión do territorio galego, da posta en valor do mesmo, de iniciativas locais, e bla, bla, bla. Apañados estamos co país, cando non son capaces de xestionar 28 hectáreas", conclúen.