Mellora de cinco rúas da contorna do centro de saúde de Moraña
Por Redacción
Este venres finalizaron os traballos de mellora viaria co reasfaltado de cinco rúas de Moraña. Desta forma, reformáronse máis de 750 metros da zona nordés e da contorna do centro de saúde da vila.
As rúas Doutor Batallán, 1, 8, 10 e 11 víronse melloradas cun investimento de 55.000 euros, cunha achega xestionada polo goberno local en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia.
A alcaldesa Luisa Piñeiro e o tenente de alcalde José Cela realizaron unha visita ás obras durante a xornada deste venres e comprobaron o asentamento do firme nuns traballos realizados pola empresa adxudicataria, Covsa. A intervención foi executada con celeridade, segundo sinalan desde o goberno local que tamén valorou os avances do Plan de Mellora Viaria con outras actuacións en Teixugueiras, Conles e A Penagrande.
As próximas obras acometeranse en Cartamil, Chan de Amil, O Outeiro, nas sendas de Santa Margarida, Silvoso-O Souto e en camiños de varias parroquias do municipio.