O ilustrador Kiko da Silva lémbralle a Núñez Feijóo que "Bóveda non era mestre. Foi o mestre de Castelao"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O ilustrador Kiko da Silva decidiu convocar un acto reivindicativo no Museo de Pontevedra este venres como resposta ás declaracións realizadas polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no acto de desembalaxe do cadro 'A derradeira leición do mestre', procedente de Bos Aires. nas que evitaba pronunciarse sobre o asasinato na Caeira de Alexandre Bóveda, o político pontevedrés ao que Castelao dedicara esta obra.
Da Silva, acompañado por diferentes representantes do mundo da cultura, ademais de políticos como, entre outros, a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o deputado socialista Guillermo Meijón ou o parlamentario do BNG, Luís Bará. O promotor do acto indicaba que o cadro de 'A derradeira leición do mestre', baseado nunha estampa do álbum 'Galiza Mártir', indicaba que a obra fala da Galicia que sufriu no ano 1936 e da xente que fixo posible que hoxe en día se conte cun estatuto de autonomía, ademais de cultura e lingua propia.
Kiko da Silva indicou que non se debe tentar manipular o significado deste traballo. "Castelao é de todos", afirmou ante máis de cincuenta persoas que se deron cita neste acto na Sala Castelao do Museo. "Isto é cultura, historia e Galiza", sinalou asegurando que as obras de Castelao naceron nun momento sentimental no que mostraba a súa impotencia ao enfrontarse a unha realidade moi crúa.
O creador criticaba, ademais, que haxa "cousas nesta realidade galega de Castelao" que é mellor maquillar no século XXI en referencia ao presidente do goberno galego ao que lle lembrou que Castelao e Alexandre Bóveda quixeron que perdurase a "galeguidade". Ademais corrixiu a Núñez Feijóo indicando que "Bóveda non foi mestre. Foi mestre de Castelao, pero non era a súa profesión". Neste sentido, quixo destacar a figura de Alexandre Bóveda asegurando que se non fora fusilado polos falanxistas, hoxe estaría como referente de todos os políticos. Como morreu asasinado se lle esconde. Paréceme unha vergoña que políticos, cando teñen unha obra diante, falan como se nunca tivera existido". Finalmente, entre aplausos, indicou que "Bóveda está vivo en todos nós".
O acto continuou coa lectura dun poema da escritora Tamara Andrés. Tras a súa intervención, Da Silva elaborou a réplica da estampa que deu orixe ao óleo 'A derradeira leición do mestre', a obra que xa se atopa no Gaiás dentro da mostra que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, inauguraba este venres rectificando as palabras do acto de desembalaxe e facendo mención directa aos crimes franquistas e aos "verdugos" de Alexandre Bóveda.
Relacionadas:
-
O Gaiás acolle este sábado o recital da Coral Polifónica de Pontevedra ante o pano creado por Castelao
Por Redacción |
-
'Forever in Galicia', Castelao tamén se le en inglés
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
PSOE e BNG reivindican en Pontevedra o compromiso político de Castelao e Alexandre Bóveda
Por Redacción |
-
"Coa recepción do 'Álbum Nós' complétase o ciclo Castelao non só no Museo de Pontevedra, senón en termos absolutos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Museo incorpora á súa colección permanente os orixinais do Álbum Nós de Castelao
Por Redacción |
-
O Museo reestrutura as Salas Castelao para expoñer os orixinais do Álbum Nós
Por Redacción |