Ponte Caldelas presenta oferta para adquirir unha finca á comunidade de montes de Cuñas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas presentou hai varias semanas unha oferta en firme á comunidade de montes de Cuñas para a adquisición dunha parcela de 3.000 metros cadrados, situada a carón da rúa Valdarrosa (subida ao instituto) para reforzar o solo municipal dispoñible para novos equipamentos públicos.
A finca está cualificada dende hai varios anos como solo dotacional, polo que carece de valor residencial e resulta inservible para calquera tipo de aproveitamento que non sexan instalacións de uso e servizo público.
O goberno local ofertou un prezo de 49.000 euros, cifra coincidente coa taxación realizada polos comuneiros despois de rexeitar unha oferta do anterior equipo de goberno caldelán por un importe moi inferior. Diante desta circunstancia, o Concello ten fundadas esperanzas de que a oferta vaia adiante.
A operación precisa da aprobación por parte da asemblea da comunidade de montes de Cuñas. A continuación, o procedemento a seguir sería o dunha expropiación a prezo pactado, que podería saír adiante en poucos meses.
A intención do goberno local é a urbanización desta finca, situada nun lugar estratéxico, dividíndoa en dous niveis con usos diferentes, adaptados á súa pendente. Un deles sería un aparcamento gratuíto con capacidade para uns 300 vehículos. O segundo sería un espazo dotacional para un equipamento público. Ao mesmo tempo, as obras incluirían a ordenación dos accesos á zona.
A expropiación pactada desta parcela abre a porta á posible construción dun novo tanatorio, ben municipal, ben concesionado cunha empresa do sector, mantendo a titularidade pública.
Deste xeito atacaríase o problema derivado do peche dende hai seis anos da actual instalación privada existente en Chan da Barcia. Non obstante, o goberno local recalca que trátase de hipóteses de traballo, toda vez que a interlocución coas empresas titulares do tanatorio de Ponte Caldelas mantense aberta.