A Garda Civil sorprende un mariscador furtivo que faenaba usando unha táboa de surf en Chancelas
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra sorprendeu un mariscador furtivo que faenaba usando unha táboa de surf na praia de Chancelas, en Poio, e foi localizado en posesión de diversas cantidades de berberechos e ameixas.
Segundo informou a Garda Civil, os feitos sucederon a tarde deste mércores. Un vixiante da confraría de pescadores San Gregorio de Raxó avisou á Garda Civil de que acababa de ver a un suposto furtivo cando se dirixía cara a praia da Ouriceira, na parroquia de Combarro.
Unha patrulla de seguridade cidadá do posto da Garda Civil de Pontevedra desprazouse ata o lugar e, coa colaboración dos vixiantes da confraría de San Telmo, puideron interceptar e identificar ao furtivo na praia de Chancelas.
Ao chegar á praia, interviñéronlle a táboa de surf, á que levaba axustada unha cadeira. Tiña unha bolsa de malla con 5,7 quilos de ameixas e berberechos, dos que máis da metade non alcanzaba a talla mínima esixida para a súa captura. Unha vez intervido e pesado, o marisco foi devolto á auga, por atoparse vivo.
O furtivo é un veciño de Poio de 51 anos e foi denunciado por tres infraccións á Lei de Pesca de Galicia, unha polo exercicio da actividade extractiva carecendo de licenza, outra por non respectar as tallas mínimas permitidas e a terceira por pescar fóra dos horarios establecidos.
Ademais, a Garda Civil interveu a táboa de surf, que foi depositada nas instalacións da confraría de San Telmo.
Relacionadas:
-
Interceptan en Poio un furtivo con cincuenta quilos de ameixa
Por Redacción |
-
Oito persoas detidas e 2.000 vieiras incautadas na "Operación Concha"
Por Redacción |
-
Un furtivo de Poio, interceptado en Portonovo cun cento de quilos de ameixa
Por Redacción |
-
Interceptan en Poio un furtivo reincidente con 20 quilos de ameixa
Por Redacción |
-
Investigan un furtivo pontevedrés por furto e danos intencionados no vehículo da confraría de San Telmo
Por Redacción |