Un policía acusado de traficar con droga pide a nulidade das actuacións xudiciais
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra aprazou ata o próximo 27 de novembro a continuación do xuízo contra Lucas R. P., un axente da Policía Nacional acusado dos presuntos delitos de tráfico de drogas, tenencia de armas prohibidas, atentado e revelación de información reservada, é dicir uns "chivatazos" que supostamente daba aos responsables dos clubs de alterne cada vez que os seus compañeiros de Estranxeiría saían para realizar unha redada.
O tribunal provincial estudará durante este tempo a petición de nulidade das actuacións presentada este mércores polo avogado da defensa.
O letrado entende que houbo unha "ausencia total de control judicial sobre las intervenciones" levadas a cabo. Entre outros argumentos, citou que na intervención de 42 teléfonos "el control fue inexistente" e "se traspasaron todos los límites legales y se vulneraron sus derechos fundamentales", alegou.
Pola contra, a fiscal argumentou que houbo un "escrupuloso control" e que estaba "justificada" a intervención das comunicacións.
A representante do Ministerio Público lembrou que este axente, agora xubilado, xa pasou polo banco o pasado mes de xuño xunto con outros 13 acusados que aceptaron unhas penas que oscilan entre os tres meses e o ano e medio de prisión tras chegar a un acordo de conformidade en virtude do cal admitiron que integraban distintos grupos non relacionados entre si que traficaban con droga en distintos puntos da provincia.
Lucas R. P. foi o único que se negou a recoñecer uns feitos que se remontan xa ao ano 2006. Naquel tempo este policía estaba destinado na oficina de denuncias da Comisaría de Pontevedra.
O Ministerio Público pide unha pena de 2 anos e 9 meses polo delito contra a saúde pública, 21.000 euros de multa e 14 meses de multa a razón de doce euros ao día así como a inhabilitación para o emprego de policía por espazo de ano e medio.